Suán é unha adaptación de repertório tradicional do sul de Galiza, tirado directamente de diversas fontes (arquivos de recolleita e cancioneiros históricos), mais incorporando tamén repertório de composición própia que emula estilos tradicionais das distintas zonas tratadas.
Inda partindo desa base, o tratamento do repertório quere ser, intencionalmente, atípico: experimentaron-se diferentes ideas para cada tema, dando como resultado unha música moi senlleira, que ven a constituir a seña de identidade da A.C. Trépia, que vén traballando en fortalecer novas liñas de traballo contemporáneas para a cultura da Galiza.
As programacións de electrónica mesturan-se con sons que proveñen da raíz mais profunda da nosa cultura, que nos eleva ao ceo cos sons de instrumentos coma violín, acordeón diatónico, zanfona, gaita e mesmo harpa; até nos soterrar na profunda terra con potentes percusións tradicionais.
A produción artística vén da man de Xandre Outeiro en colaboración directa co amplo colectivo da asociación: neste traballo participan tanto profesorado como alumnado da escola Trépia, xunto con compoñentes dos diferentes grupos formados en torno à mesma.
O proxecto complementa-se e retroalimenta-se coa incorporación do baile tradicional, ao que se aplican conceptos semellantes para resultar nunha proposta escénica única.