Andrés Vilán

Andrés Vilán

  • Profesor de percusión

Andrés Vilán, nacido en Arcade (Soutomaior) en 1978, introdúcese na percusión tradicional galega, dun xeito fundamentalmente autodidacta, en 1988. Posteriormente continúa a súa formación en todo tipo de percusións (folk, flamenca, afrocubana, árabe, clásica...) e batería, coa asistencia a diferentes cursos e master classes.

Dentro da música tradicional e folk traballa, ao vivo e en estudio, cos máis importantes gaiteiros de Galiza, como Marcos Campos, Pablo Carpintero, Iván Costa, Pablo DalamaPedro Fariñas, Edelmiro Fernández, Paulo Gonçalves, Oscar Ibáñez, Anxo Lorenzo, Álvaro Novegil, Cristian Silva, Pepe Vaamonde ou Xaquín Xesteira, así como con algúns dos máis prestixiosos gaiteiros europeos, como Patrick Molard, John McSherry, Diarmaid Moynihan ou Ventzy Andonov.

Traballa tamén cos máis destacados músicos de folk de Galiza, como Pedro Pascual, Anxo Pintos, Quim Farinha, Begoña Riobó, Fernando Fraga, Xosé Liz ou Paco Dicenta.

Toca con importantes cuartetos tradicionais, como Laghareu, Rédea Solta, A Monteira, Pai da Cana ou Gandaina, e con coñecidas bandas de folk, como a da cantante Mercedes Peón, a do gaiteiro Edelmiro Fernández, Pepe Vaamonde Grupo ou Oscar Ibáñez & Tribo.

Nos últimos anos realiza máis de catrocentos concertos nos principais eventos do folk mundial, como o Festival Intercéltico de Lorient, o Celtic Connections, o Festival de Ortigueira ou o Folk Dranouter.

 

Como músico de estudio participa en máis de trinta traballos discográficos, gravando para importantes produtores, arranxistas e técnicos, como José Ramón Flórez, Caco Refojo, Juan de Dios Martín ou Bob Painter.

É un dos percusionistas máis premiados nos últimos vinte e cinco anos en Galiza, onde acada sempre os primeiros premios nos principais concursos de música tradicional, como o Concurso Rexional de Gaitas de Ponteareas, o Memorial Ricardo Portela, o Memorial Manuel Villanueva, o Concurso de Música Tradicional Avelino Cachafeiro, o Concurso de Música Tradicional Ricardo Portela-O Gaiteiro de Viascón ou o Memorial Manuel Texo, e gaña o premio ao mellor percusionista en todos nos que existe esta categoría. Posteriormente participa como xurado en moitos destes concursos.

No ámbito docente leva preto de vinte anos exercendo como profesor de percusión en diferentes centros educativos, polos que pasan máis de seiscentos alumnos.

É autor do MÉTODO DE TAMBOR GALEGO, considerado pola crítica como a obra bibliográfica máis importante no seu campo dentro da percusión tradicional galega.

Actualmente traballa como músico freelance e imparte aulas de percusión en diversas escolas de Galiza e Portugal, así como diferentes cursos e master classes.

Andrés Vilán emprega percusión tradicional galega e caixas de Carlos do Viso, caixóns ErreA Percusión e pratos Impression Cymbals.

Proxectos
nos que traballo:

Enlaces de interese