Aña de Aboal

Nesta sección recopilaremos todo o traballo que se fixo sobre a aña de Aboal desde as primeiras edicións da Aña Urbana. A principal gravación de recolleita que traballamos é a realizada en 2003 por Guillerme Ignacio e Xandre Outeiro, que deu pé á organización das primeiras edicións da Aña Urbana en Pontevedra -a cargo da Asociación O Tear de Llerena, prévias á fundación de Trépia.

Este material completou-se con diferentes achegas doutros investigadores, como Carlos Álvarez ou Luis Prego ("Conferéncias da Aña Urbana"  2013 e 2011, respectivamente).

Ficha da recolleita
  • Recolleita do arquivo Tear de Llerena
  • Aboal, Maio de 2003
  • Guillerme Ignacio / Xandre Outeiro

  • INFORMANTES:
  • Raimunda Alfaia Soanes (67 anos)
  • Benedita Carballo Soanes (72 anos)
  • Marina Pedreira Alfaro (62 anos)
  • Sra. Aldina (98 anos)

A AÑA EN ABOAL

Items da aña en Aboal

  • Cantar da aña: SI
  • Ribeirana da aña: SI
  • Xota da aña: SI (arredor do ramo)
  • Baile do ramo: SI
  • Ramo: LOUREIRO ADOVIADO (rosquillas, cereixas, lazos)

[...] os veciños de Aboal (Mondariz) botan a aña en dous cabeceiros: as que primeiro chegan á cima comezan a tocar nos legóns con pedras (as preferidas, pola sua dureza e forma, son os “seixos brancos”) e botan a ribeirana da aña (melodia, por certo, que adoita ser específica para este efecto; ou sexa, que non se canta en ningun outro contexto). Un home beilla co ramo de loureiro en alto, sacando a facer un punto a várias mulleres, de unha en unha, para rematar espetando o ramallo na terra. Despois bota-se o carro de bois a andar para labrar o resto da leira, mentres as mulleres camiñan tras del entonando o cantar da aña (tamén específico)[...]

[...]En Aboal, adovia-se un ramallo de loureiro con cintas e lazos, froitos da tempada e rosquillas. Un mozo saca a bailar ás mozas, unha a unha, levando o ramallo nunha man no alto. Bota un punto do baile con cada moza para, ao final, espetar o ramallo na leira. Ao rematar, comeza o carro a andar, e as mozas camiñan detrás del entonando o “cantar da aña” –unha melodía de carácter moi melismático específica para ese día do ano-. O cantar da aña adoita-se botar nun ton alto e potente, empregando como recurso o “alteo” (octaveo da melodía). Poderiamos facer unha interpretación desta tradición como un verdadeiro rito de fertilidade da terra: o ramallo, transmisor da fertilidade das mozas que bailaron previamente, espeta-se na leira para lla transmitir á terra (“...era p’ra que houbera boa colleita...”)[...]

(Extractos de "Manüele... de pandeireta e canto tradicional". Xandre Outeiro en Edicións Intermitentes, 2012)

Transcrición da entrevista a Marina Alfaia Soanes:

[...] Facía-se un ramo, e plantaba-se na veigha [...] i antón é cuando [...] as que viñan tocando no leghón [...] tocaban, com[a co]’a pandareta, arredor do ramo. [o ramo] era pa’ beilar arredor del.

E aghora non é coma iantes, que levaba fresas desas qu’están nos matos; e levaba as zreixas, que xa había zreixas, que aghora no’as hai... e rosquillas, que despois comiamos todos nelas arredor do ramo.

[...]acabas de botar a jota e a muiñeira, co leghón, antes de botar o carro a andar [...] O cantar é cuando terminas, que terminas de cantar, e de beilar, e bota o ghando a andar, e é [cando se] bota o cantar da iaña [...]

CANTAR DA AÑA DE ABOAL

cantar anhaboal web

Arquivo midi

RIBEIRANA DA AÑA DE ABOAL

rib anhaboal web

Arquivo MIDI

XOTA DA AÑA DE ABOAL

xota anhaboal web
Arquivo midi

Tags: aña urbana,, aña trepia,, 2016, aña de aboal